LIBRO DO TERCEIRO TRIMESTRE DO CLUB DE LECTURA XUVENIL

 O alumnado pertencente ao club de lectura xuvenil acordou ler para o terceiro trimestre: "O soño de Xoán" de Farruco Graña. A continuación atoparás unha breve sinopse do libro, xunto cunha pequena presentación do autor. Que o gocedes!!!


O SOÑO DE XOÁN, de Farruco Graña, é unha novela de ambientación histórica que trata sobre as peripecias dun mozo ribadense, Xoán Lourido, no Ribadeo do século XVII. Afeccionado á astronomía, Xoán Lourido consegue ter acceso a un borrador do Somnium de Kepler e, a partir del, el mesmo escrebe unha viaxe sideral na que recrea unha expedición á lúa con saída no mesmísimo Monte de Santa Cruz. O interese de Xoán Lourido pola astronomía non pasa desapercibido e acabará traéndolle problemas co Santo Oficio. Un inquisidor con orixes na zona andaba á procura dun exemplar do Libro de San Ciprián e considerou, polas informacións que lle chegaban da mariña luguesa, que podía ser unha boa oportunidade para aumentar o seu prestixio ante outros compañeiros do Tribunal. Como fora, Don Diego de Castrillón de Varona y Sante habería de condenar a alguén por bruxaría e lecturas contrarias á fe. A novela é o froito dun vello soño do autor, a saber: recrear a figura do astrónomo e matemático alemán Johannes Kepler, nomeadamente o seu Somnium. No proceso de documentación para ambientar a trama foise atopando á vez con outros personaxes propios da paisaxe urbana ribadense do século XVII. Precisamente da consulta das actas das reunións de concello aberto ante a Capela da Atalaia e tamén de documentación referida a procesos levados a cabo polo Tribunal da Inquisición en Galiza, foi como xurdiron boa parte dos mesmos. Por suposto, algúns, como é o caso do protagonista principal, son recreación exclusiva do autor para dar saída ao propósito de achegar ás lectoras e lectores o espírito da revolución científica que se estaba a producir na época.


Xosé FARRUCO GRAÑA Rama, nado en Carballo o 7 de outubro de 1966, é un escritor, profesor e político galego.

Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Establecido en Ribadeo, é profesor de Filosofía no IES Marqués de Casariego, en Tapia de Casarego (Asturias). Ten presentado traballos en varias edicións da Semana Galega de Filosofía, así como en Cursos de Formación do Profesorado. Na actualidade colabora coa prensa local tanto da Mariña (El Progreso-A Mariña, La Comarca del Eo) como de Bergantiños (La Voz de Galicia), así como con prensa de ámbito galego como Xornal.com, A Nosa Terra ou Sermos Galiza.

Tras as eleccións municipais de 2015 foi concelleiro de Ribadeo ata 2019, encargado da área de Cultura.

Narrativa:

  • O bosque de Nadgor, 2007, A. C. Francisco Lanza, Ribadeo.
  • O soño de Xoán, 2015, Edicións Embora.
  • Badaladas de Anllóns, 2017. Edicións Embora.

Obras colectivas:

  • A Coruña á luz das letras, 2008, Trifolium.
  • Follas de Carballo, 2011, Asociación Cultural Lumieira.
  • Contos da taberna, 2014, Edicións Embora.
  • Carballo. Derrubando muros con pintura, 2016. Edicións Embora.



1 comentario:

  1. Boas tardes: encantado de vos coñecer, aínda que de momento só sexa virtualemnte. Xa teremos ocasión cara á fin do curso. Antes de nada, agradecervos o voso interese polo meu "O soño de Xoán". Desexo que a súa lectura vos resulte atractiva e interesante. Tédesme á vosa disposición para calquera dúbida que poida xurdir ao longo da súa lectura. Un saúdo desde Ribadeo.

    ResponderEliminar

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!