XI OLIMPÍADA TECNOLÓXICA

O día 29 de maio celebrouse no Campus Terra da USC a XI Olimpíada Tecnolóxica, organizada pola A.E. Tecnogalicia, e que nesta edición levou por título: Imaxina, investiga, descubre, ENXEÑA.

Na olimpíada competiron 6 grupos de 2º da ESO, 6 de 3º da ESO e 4 de 4º da ESO
(rebaixouse de 6 a 4 porque dous centros participantes, o IES Pedregal de Irimia e o IES Gregorio Fernández, foron elixidos para facer a “reválida” de 4º da ESO e polo tanto non puideron participar).




En cada grupo participaron entre cinco e sete alumnos/as de todos os centros participantes (IES Pedregal de Irimia de Meira, IES Leiras Pulpeiro de Lugo, IES Gregorio Fernández de Sarria, CPI de Castroverde, CPI de Cervantes, CPI Poeta Uxío Novoneira do Courel e CPI San Tomé do Carballo de Taboada) tratando de que os grupos foran equilibrados en xénero e capacidades.

De IES Pedregal de Irimia participaron 6 alumnos/as de 2º e 10 de 3º da ESO.

 Entre os obxectivos do evento están profundar no currículo da área de tecnoloxía dun xeito lúdico e práctico, abrir outro ámbito de socialización ao alumnado participante distinto do da súa contorna xeográfica (urbano-rural, montaña-chaira…), facer fincapé sobre a importancia do traballo en equipo, interactuar co patrimonio material e natural da localización da olimpíada e demostrarlle ao mundo que en galego tamén se poden traballar os aspectos científicos e técnicos do currículo.



Na olimpíada traballáronse os contidos dos currículos LOMCE dos cursos correspondentes (robótica, hardware, software, electrónica, pneumática, mecanismos…), tanto na fase virtual, que constou de catro semanas e dúas probas, como na presencial, na que realizaron 6 probas (na Biblioteca Intercentros e en distintos emprazamentos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría).



A maiores o alumnado realizou despois de xantar tres obradoiros na EPSE (no taller de mecanización, en PEMADE e no taller de hidráulica -canle simuladora de ondas-) e unha ruta de sendeirismo pola ribeira do río Miño que rematou na ponte romana.



 O alumnado participante recibiu unha camiseta de agasallo (serviu de identificación xa que cada curso tiña unha cor diferente), un diploma, así como gozou dun aperitivo a media mañá e dun xantar totalmente gratuítos.

Os gañadores recibiron tamén un agasallo (memoria USB, un diploma e un lapis).

 Os grupos gañadores foron:
• 2º da ESO: Engrenaxe (de Meira: Lucía Cortón).
• 3º da ESO: Freeware (de Meira: Jesús Fernández e Lucía Portela).
•4º da ESO: Transistor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!