CLUB DE LECTURA: "OLLOS DE AUGA"


Comezamos a nova edición do Club de Lectura escollendo o libro para o primeiro trimestre. Despois de debater co alumnado participante sobre distintas alternativas a escolla resultou ser “Ollos de auga” de Domingo Vilar.
Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid. Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa. Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!