DARÍO XOHÁN CABANA, O CABALEIRO DE SAOR


Non ha morrer a fala
que herdamos dos avós,
e se un día morrer
xa non seremos nós:
Galicia perderase,
non haberá máis flor
e sobre os eidos murchos
 non abrirá o albor.


AUTOBIOGRAFÍA

Nacín en Roás (Terra Chá) o ano 1952, fillo de labregos con lugar pola renda; meu pai era republicano e comunista, o mesmo ca meu padriño, que era seu irmán e moito máis vello ca el; un tío de miña mai foi tenente das milicias republicanas que defenderon Madrid; gústame telo sempre presente. Fixen o bacharelato en Lugo, e non seguín outros estudos académicos. Manuel María foi o meu grande mestre de poesía. En 1968 ingresei na UPG, cuxo espírito nunca deixei; agora estou coa FPG. De 1971 a 1975 traba­llei nas Edicións Castrelos de Vigo con Xosé María Álvarez Blázquez, que me serviu de universidade e exemplo; neste tempo gañei tamén a amizade de Méndez Ferrín, o terceiro dos meus grandes mestres na literatura e na vida. Volto a Lugo, fixen diversos traballos de superviven­cia, ata que fun liberado pola Central Sindical naciona­lis­ta. Despois botei varios anos en Corcu­bión como garda munici­pal, e desde o 1986 son funcionario do Concello de Lugo, onde agora traballo como coordinador de publicacións. Vivo na parroquia de Romeán. Estou casado e teño dous fillos e unha neta. Colaboro diaria­mente, desde 1987, en La Voz de Galicia cun encrucillado en galego, e estou no Consello de Redacción d’A Trabe de Ouro desde a súa fundación. Formo parte (pouco activamente) das Redes Escar­lata, e son membro numerario da Real Academia Galega.

Entre os meus libros, que seráns uns corenta, gústame lembrar: de poesía, Roman­ceiro da Terra Cha (1973), VIII frag­mentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta de cerca a morte (1994) e Cabalgada na brétema (2006); de narrativa, Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990), Vidas senlleiras (1992), O cervo na torre (1994), Morte de rei (1996), e Mitos e memorias (2003). Fixen tamén varias antoloxías de poesía galega, e algúns estudos históricos como Modios e moios: nota sobre metroloxía galega medieval, A chegada a Lugo do primeiro tren e Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo. Publi­quei traducións do Cancioneiro de Petrarca (unha en 1989 e outra nova no 2012), d’A Divina Comedia e a Vida nova de Dante, e d’Os Tres Mosque­teiros de Alexandre Dumas; pola d’A Divina Comedia foime outorgada a medalla de ouro da cidade de Floren­cia. Compilei e traducín unha Antoloxía do Dolce Stil Novo e outra d’Os trobadores de Occitania. No ano 2003 reuniuse nun volume, baixo o título de Vinte cadernos, toda a miña obra poética anterior.

[Agosto, 2013

https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/dario-xohan-cabana


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!