Deitado frente ao mar, por Dios ke te crew




DEITADO FRENTE AO MAR... 

"Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta, 
porque me peta e quero e dame a gaña; 
porque me sai de dentro, alá do fondo 
de unha tristura aceda que me abrangue 
ao ver tantos patufos desleigados, 
pequenos mequetrefes sin raíces 
que ao pór a garabata xa non saben 
afirmarse no amor dos devanceiros, 
falar a fala nai, 
a fala dos abós que temos mortos, 
e ser, co rostro erguido, 
mariñeiros, labregos do lingoaxe, 
remo i arado, proa e rella sempre. 
 Eu fáloa porque sí, porque me gosta 
e quero estar cos meus, coa xente miña, 
perto dos homes bós que sofren longo 
unha historia contada en outra lingoa. 
Non falo pra os soberbios, 
non falo pra os ruís e poderosos, 
non falo pra os finchados, 
non falo pra os estúpidos, 
non falo pra os valeiros, 
que falo pra os que agoantan rexamente 
mentiras e inxusticias de cotío; 
pra os que súan e choran 
un pranto cotidián de volvoretas, d
e lume e vento sobre os ollos núos. 
Eu non podo arredar as miñas verbas 
de todos os que sofren neste mundo. 
E ti vives no mundo, terra miña, 
berce da miña estirpe, 
Galicia, doce mágoa das Españas, 
deitada frente ao mar, ise camiño..."

Celso Emilio Ferreiro (1914-1979)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!