Baixo este título tivemos no noso instituto O pracer da chuvia. O pracer de conversar co seu autor, Manuel Vázquez, sobre a aldea, as aldeas, as nosas aldeas, como espazos de vangarda e de futuro, moito futuro.
A través da actividade promovida pola Área Rural de Vicepresidencia da Deputación de Lugo e enmarcada dentro do proxecto denominado "A Vangarda está na Aldea", o alumnado de 4º de ESO tivo a oportunidade de descubrir máis sobre os costumes, os modos de vida, as dificultades e as ilusións dos habitantes do rural galego de poucas décadas atrás. Pero tamén, como este mundo foi e vai cambiando, adaptándose a outros tempos e afrontando os retos que estes traen consigo con proxectos que conxugan a cultura herdada cos avances científicos e tecnolóxicos que respecten o medio ambiente, a integración arquitectónica, o benestar animal e tamén, a pervivencia e o orgullo dunha lingua propia, indisolublemente ligada á aldea e, en xeral, ó pobo galego.
Aquí queda o testemuño deste interesante e frutífero encontro.