Morfoloxía: O cocerello é un mamífero ungulado que, despois de séculos de evolución e cruce con outras especies animais chegou ser un híbrido. Caracterízase por ter o corpo recuberto dunha cuncha semellante á dunha tartaruga. A súa cabeza ten dúas grandes orellas (de aí o refrán “fino de oído como un cocerello”, propio do sur de Ourense, comarca de Monterrei), que algúns investigadores relacionan coas dunha lebre. As súas patas rematan en seis dedos unidos con membranas (como ocorre cos patos), o que lle dá unha grande facilidade natatoria (de aí o outro refrán da comarca de Bergantiños: “é máis difícil verte que gañarlle unha carreira na auga a un cocerello”). Por último ten un rabo pisciforme (aseméllase ó dunha troita), que lle permite dirixir o seu corpo cando practica a caza submarina.
O río Miño ao seu paso por Meira, Ponte Vella. Biotipo ideal do nalgún tempo abundante Coccerellus Coccerellensis. |
Presa do Muíño de Pedreira que acubillou entre as súas augas esta especie tan interesante de Galicia. |
Hábitat/ Costumes: O cocerello é un animal que vive, sobre todo, na beira dos regatos. Con frecuencia atópanse as súas covas baixo as raíces dos ameneiros que abunda na ribeira dos ríos galegos. Que este sexa o hábitat preferido do cocerello débese ós seus costumes alimentarios: aínda que omnívoro (pace a herba dos prados) a súa comida preferida é a troita que caza con grande habilidade (de aí que os pescadores do Cabe, cando desapareceron ás troitas debido á contaminación, soían dicir con ironía: “coméronas os cocerellos”).
Dado que os cocerellos saen a comer e cazar só de noite, é por iso que son difíciles de ver e estudar. Se ademais se engade que nas noites de lúa chea tampouco saen, por medo a ser descubertos, a súa visión resulta sumamente dificultosa.
As troitas, alimento fundamental da dieta do Coccerellus Coccerellensis. |
Sábese que en ocasións teñen asaltado estanques particulares e que non despreciaron as carpas douradas. |
cazado a esgalla, até o punto de facer perigar a súa supervivencia. Comíase de todos os xeitos: á grella, guisado, asado e mesmo con salsa verde. Hoxe en día está a piques da extinción e a súa caza está fortemente castigada pola lei.
A súa caza realizábase do seguinte xeito: Só se podía intentar cazar nas noites pechas, sen luar. Había que levar un saco, un pau forte e unha lanterna. Despois o cazador metíase no regato, poñía o saco entre as pernas e a lanterna acendida na boca, xa que os cocerellos soen acudir á luz. Cunha man sostiña o saco e coa outra o pau en alto. A luz debía alumar o boca do saco. Cando o cocerello, atraído pola luz, entraba no saco, había que pechalo rapidamente e golpear o saco co pau para aturdilo. Cómpre engadir que o cazador debía esperar ó cocerello en absoluto silencio: o máis mínimo ruído chegaba para asustalo.
Debuxo dun Cocerello que aparece no Bestiario do século XII que se conserva na Biblioteca do Convento de Santa María de Meira. |
Fontes empregadas:
ACDC: Asociación Compostelá para a Defensa do Cocerello.
USIC: Universidade de Santiago (especialidade: Investigación do Cocerello).
Biblioteca do Convento de Santa María de Meira.
Na miña terra aínda se ven ben deles: xa se van afacendo á xente!
ResponderEliminarO catedrático de Historia Medieval de Galicia, Inocencio Portela, contaba sempre que os cocerellos eran cazados con tanta frecuencia polos poboadores de Meira durante os séculos medievais, que os monxes decidiron acoutar o río e cobrar un imposto aos aldeáns a cambio de poder collelos: a "cocerellada", consistente na décima parte do cazado.
ResponderEliminarA miña avoa tamén lle teño oído contar que nun dos canzorros da igrexa de Meira podíase ver esculpido o que parecía un cocerello sorrindo e tapando os ollos, sen dúbida para ilustrar o execrable vicio da gula (penso).
En Seixosmil, se unha vaca coxeaba dun pé, collían herba pacida por un cocerello e, tras empapala ben en augardente, facían un emplasto para aplicar no pé enfermo, enrodelándoo cun pano de muller e unha peseta dentro. E contan que por iso era frecuente atopar polos camiños moedas de peseta.
ResponderEliminarMeu pai contoume que en Lourixe lles chaman Alpibardos, e que para cazalos dicían: "Alpibardo vente ao fardo mentres Xan da albarda por ti agarda"
ResponderEliminarNa miña terra chamanse cozorellos, eu de pequena iba moito eles. Tiña que ser nas noites de xeada, con un saco e había que chamalos dicindo "cozorellos o saco" ata que viñan.
ResponderEliminarQue fotos tan bonitas.
ResponderEliminar