ENCONTRO CON ESCRITORES MEIREGOS

O luns, 9 de novembro, tivemos a fortuna de contar no club de lectura con tres autores meiregos que sacaron á luz libros nos últimos meses: Josune Bargueiras, Ramón Rozadillas e Laura Fernández. El Progreso anunciaba o evento así:


Pasamos a presentar aos autores e os seus libros:

Ramón Rozadillas Valverde: Naceu o 19 de decembro de 1958 no Barrio da Concepción (Madrid). Ramón defínese como “profesional por necesidad del «gol regañao» y «pedrizero» de corazón”. Estudou na Universidade Politécnica enxeñaría técnica forestal polo amor á montaña e logo deixou a montaña polo amor á enxeñaría forestal. Na actualidade é funcionario da Xunta de Galicia, profesión que exerce dende fai case 30 anos loitando contra os incendios forestais e pola xestión ordenada dos montes. Segundo el, o máis característico a nivel literario é a súa devoción pola xeración do 27, xerme da súa vocación pola poesía, froito dos versos que o iniciaron na escritura.


“A pesar de todo”: A pesar de todo, amósanos un conxunto de poemas de mocidade que fotografían escenas e situacións sobre a visión do mundo e os seus personaxes. Aínda que desgarradora nun comezo, loita por esa esperanza universal e individual que fai que a vida renaza das súas cinzas.

O libro presentouse o 7 de outubro no centro sociocultural de Meira.

40 páxinas; 10€; Libraría Pedregal.


Laura Fernández López: Laura Fernández naceu o 22 de xullo de 1998 en Meira. Fai uns meses titulouse en Xestión e Administración, e actualmente estuda Administración e Finanzas, aínda que a súa gran paixón, aparte de escribir, é o deseño de moda. Comezou a escribir despois de pasar por unha enfermidade que lle mudou a vida, como maneira de desafogarse, desexando algún día compartir todos os seus sentimentos con máis persoas.


“Alma perdida”: Sufrín unha enfermidade que paralizou todos os meus plans e o meu mundo. A miña vida resumiuse en ir dando bandazos dun lado para outro, perdín o rumbo en máis dunha ocasión, autodestruinme un centenar de veces, danei a todas as persoas que estaban ao meu carón, odieime, pero aprendín a perdoarme e tamén me amei intensamente. Sufrín varios desamores que parecían o maldito fin do mundo e amei a morrer, e todo iso está escondido entre estas páxinas…

O libro presentouse no club de lectura Entre Liñas da Pastoriza o pasado día 24 de outubro.

118 páxinas; 14,95 €; Estanco Laurel e na libraría A Praza de Meira, Na Pontenova, en Muimenta e na Pastoriza.


Josune Bargueiras: naceu en Bilbao o 16 de agosto de 1988. O día que se graduou en Xornalismo pola Universidade do País Vasco, viu cumprido o seu soño de nena de vivir para escribir. Despois de traballar para varios medios de comunicación da súa terra, puxo rumbo á de seu pai, Galiza, cos petos cheos de ilusións. Polo camiño, deixou un rastro de relatos que ían ao compás da súa respiración, algúns, e a maioría, ao dos seus sentimentos. Este libro é un deles.


“Todas las cosas que no quisiste escuchar”: Escribo dende que aprendín a facelo. Dende que conxuguei a miña primeira frase, quixen unila a máis e máis, e crear. O meu empurrón veu de man da miña profesora Clotilde, que cando eu tiña sete anos descubriu que tiña un libro cheo de historias miñas. Un día pediume que lera unha fronte á miña clase, e aquilo converteuse nun hábito. O día en que os meus compañeiros empezaron a chamarme «a escritora», souben o que quería facer na vida. O que non souben ata máis tarde foi o que a vida quería facer comigo. A morte do meu pai foi un punto e final, que se converteu nun punto e seguido grazas ás letras. Por min e polos meus.

O libro viu luz en xullo, na nova normalidade.

58 páxinas; 12 €; Estanco Laurel, na libraría A Praza, na Peixería e na mercería de Meira.


Moitas grazas aos tres por compartir connosco os vosos segredos. Deixámosvos unhas fotos do encontro:






No hay comentarios:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!