Comezamos
a nova edición do Club de Lectura escollendo o libro para o primeiro
trimestre. Despois de debater co alumnado participante sobre
distintas alternativas a escolla resultou ser “Ollos de auga” de
Domingo Vilar.
Domingo
Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid. Coa súa primeira novela, Ollos
de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo
Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa
consagración no panorama internacional da novela negra con
traducións en todo o mundo. Coas súas obras obtivo o Premio Frei
Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da
Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e
Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger
International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen
en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.
Na
torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver
dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío
inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía
que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na
comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns
se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael
Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño
en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos
veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno
dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía
viguesa. Novela policial salferida de humor e con grandes doses de
suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor na liña de escritores
que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro
desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve
acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de
Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o
viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha
intriga retranqueira, unha novela negra en cores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!