Non ha morrer a fala
que
herdamos dos avós,
e se
un día morrer
xa non seremos nós:
Galicia
perderase,
non
haberá máis flor
e
sobre os eidos murchos
non
abrirá o albor.
AUTOBIOGRAFÍA
Nacín en
Roás (Terra Chá) o ano 1952, fillo de labregos con lugar pola renda; meu pai
era republicano e comunista, o mesmo ca meu padriño, que era seu irmán e moito
máis vello ca el; un tío de miña mai foi tenente das milicias republicanas que
defenderon Madrid; gústame telo sempre presente. Fixen o bacharelato en Lugo, e
non seguín outros estudos académicos. Manuel María foi o meu grande mestre de
poesía. En 1968 ingresei na UPG, cuxo espírito nunca deixei; agora estou coa
FPG. De 1971 a 1975 traballei nas Edicións Castrelos de Vigo con
Xosé María Álvarez Blázquez, que me serviu de universidade e exemplo; neste
tempo gañei tamén a amizade de Méndez Ferrín, o terceiro dos meus grandes
mestres na literatura e na vida. Volto a Lugo, fixen diversos traballos de
supervivencia, ata que fun liberado pola Central Sindical nacionalista.
Despois botei varios anos en Corcubión como garda municipal, e desde o 1986
son funcionario do Concello de Lugo, onde agora traballo como coordinador de
publicacións. Vivo na parroquia de Romeán. Estou casado e teño dous fillos e
unha neta. Colaboro diariamente, desde 1987, en La Voz de
Galicia cun encrucillado en galego, e estou no Consello de Redacción
d’A Trabe de Ouro desde a súa fundación. Formo parte (pouco
activamente) das Redes Escarlata, e son membro numerario da Real Academia
Galega.
Entre os
meus libros, que seráns uns corenta, gústame lembrar: de poesía, Romanceiro
da Terra Cha (1973), VIII fragmentos (1987), Amor
e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta
de cerca a morte (1994) e Cabalgada na brétema (2006);
de narrativa, Galván en Saor (1989), Fortunato de
Trasmundi (1990), Vidas senlleiras (1992), O
cervo na torre (1994), Morte de rei (1996), e Mitos
e memorias (2003). Fixen tamén varias antoloxías de poesía galega, e
algúns estudos históricos como Modios e moios: nota sobre metroloxía
galega medieval, A chegada a Lugo do primeiro tren e Cunqueiro
e Don Hamlet en Lugo. Publiquei traducións do Cancioneiro de
Petrarca (unha en 1989 e outra nova no 2012), d’A Divina Comedia e
a Vida nova de Dante, e d’Os Tres Mosqueteiros de
Alexandre Dumas; pola d’A Divina Comedia foime outorgada a medalla
de ouro da cidade de Florencia. Compilei e traducín unha Antoloxía do
Dolce Stil Novo e outra d’Os trobadores de Occitania. No ano
2003 reuniuse nun volume, baixo o título de Vinte cadernos, toda a
miña obra poética anterior.
[Agosto, 2013
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/dario-xohan-cabana
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona "Nombre/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!